Presentación musical do libro Boas Noites de Paula Carballeira.
Contaremos coa presencia de: Paula Carballeira, narradora Vadim Yukhnevich, acordeón e voz Pablo Pérez, contrabaixo Manolo Panforreteiro, melodica, percusións e voz
Xoves 9 de Outubro ás 18,30h. na Biblioteca do Milladoiro
Actividade de dinamización que contará con Anxo Fariña, escritor e ilustrador da obra.
"Xoel e Lorena son dous rapaces que se atopan en Venecia co seu tío Xurxo. A súa volta á casa vai ser diferente da agardada. Na súa vila, ninguén pode falar, e tampouco escribir. Algo moi estraño acontecera, e non foran os únicos, nas vilas veciñas pasaba o mesmo..."
Queres saber como continúa a historia? No obradoiro axudarás a desentrañar este misterio. Ademais poderás crear debuxos a partir de letras e palabras.
Obradoiro dirixido a nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria
Obxectivos:
Dinamizar a lingua galega na infancia
Incentivar a creatividade en galego e desde o galego
Potenciar o gusto pola lectura, a escritura e a expresión en galego
Fomentar o contacto dos nenos e nenas coas bibliotecas
Data e lugar de realización:
Sábado 18: Biblioteca do Milladoiro
Sábado 25: Biblioteca de Bertamiráns
Inscrición:
Do 22 de setembro ao 3 de outubro nas escolas, nas bibliotecas e no SNL (no Pazo da Peregrina)
As prazas son limitadas polo tanto precísase inscrición previa
Organizan:
Biblioteca Municipal e Servizo de Normalización Lingüística
Colaboran:
Equipos de Normalización Lingüística das Escolas do Concello
Duración:
Terá unha duración de 60 min.
As persoas inscritas serán informadas da hora na que lles corresponderá participar.
A Biblioteca de Ames vai participar cunha comunicación no IV Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas, que, co lema A Biblioteca Accesible, se vai celebrar na Coruña do 24 ao 26 de setembro. Esta convocatoria bianual está organizada pola Dirección General del Libro, Archivos y Bibliotecas do Ministerio de Cultura, en colaboración coas Comunidades Autónomas, a FEMP, fundacións e asociacións profesionais de bibliotecas.
A Comunicación Os Centros de Interese e o OPAC Web foi elaborada polo Director da Biblioteca Municipal e por Enrique Quintáns, Xefe do Servizo do Libro e Bibliotecas da Xunta de Galicia. Está centrada no catálogo virtual da Biblioteca cuxo deseño foi elaborado polos ponentes e no que, partindo dos estudos de usuarios e a sua interacción na búsqueda na web, se elaborou un sistema de búsqueda mediante “exploración” a través de iconas que representan o contido da biblioteca de maneira virtual.
O proxecto foi estudado para todas as bibliotecas da Rede de Bibliotecas Galicia aínda que de momento só está implantado nas de Ames que poden ser vistas nos dous catálogos das bibliotecas (Bertamiráns e O Milladoiro).
Os nosos usuarios xa estarán afeitos a ver este catálogo, sen embargo os outros catálogos da rede de bibliotecas de Galicia só permiten a opción de búsqueda sen a opción de exploración. A opción de exploración permite buscar documentos sen coñecer as palabras claves utilizadas para clasificalas e que en moitos casos son descoñecidas polos usuarios.
Desde a súa implementación esta opción de exploración é a terceira máis utilizada despois da búsqueda por autor e título. Quere dicir que, cando o usuario descoñece o autor e o título da obra que procura, utiliza esta variante que lle permite coñecer o contido do fondo documental.
Entre os meses de xullo e agosto pasaron polas Bibliopiscinas de Ames 7784 persoas. Máis de 1000 persoas de diferenza con respeito ao ano 2007 no que se chegou á cifra de 6371 participantes.
Aínda que o tempo este verán non axudou moito a que as persoas se animasen a bañar, as bibliopiscinas conseguiron abrir máis días que o ano anterior. Este é un dos motivos polos que a participación foi maior este ano.
Por idades os nenos e as nenas foron os maioritarios no uso con 4756 participantes mentres que os adultos chegaron a 3028. Por xéneros as nenas apenas superan aos nenos no tramo infantil pero nos adultos as mulleres superan con moita diferenza aos homes: 1733 frente a 1295.
Por Bibliopiscinas a máis utilizada foi a de Tapia con 3985 usuarios, seguida do Milladoiro con 1817 e Bertamiráns con 1162.
Actividades:
En canto ás actividades o número total de participantes foi de 992, 100 participantes máis que no ano 2007 no que se chegou a 893 asistentes. A este número hai que sumar os participantes da festa de despedida o día 31 de agosto en Tapia na que asistiron unhas 300 persoas.
As actividades foron dedicadas durante cada semana a unha temática diferente.
1ª Sesión: Asombrosos animais (1-2-3 de xullo)
2ª Sesión: Música (8-9-10 de xullo)
3ª Sesión: Gústanos comer! (15-16-17 de xullo)
4ª Sesión: Imos de viaxe (22-23-24 de xullo)
5ª Sesión: Dragóns (29-30-31 de xullo)
6ª Sesión: As estacións (5-6-7 de agosto)
7ª Sesión: Tesouros (12-13-14 de agosto)
8ª Sesión: Unha de medo (19-20-21 de agosto)
9ª Sesión:Festa (26-27-28 de agosto)
En cada sesión,as “contacontos” Raquel García ou Marta Ortiz narraban e dramatizaban varios libros relacionados coa temática desa semana. A continuación a contacontos e o persoal da bibliopiscina realizaban un obradoiro que continuaba, mediante a realización de manualidades, coa temática da semana.
En cada bibliopiscina a temática semanal ía acompañada dunha pequena exposición dos libros existentes na biblioteca sobre esa temática. Os materiais realizados eran despois utilizados para adornar as bibliopiscinas. Así realizáronse un dragón, un libro de viaxes... e outros obxectos que os nenos e as nenas asistentes podían despois ver na bibliopiscina sentíndose así máis partícipes da mesma.
Festa:
Na festa, realizada o 31 de agosto, contouse coa participación dunhas 300 persoas que participaron dos xogos e obradoiros realizados pola empresa Xandobela, encargada de xestionar as Bibliopiscinas este ano, ou que asistiron ás actuación de títeres realizada por Títeres Seisdedos co espectáculo Varietés e ao espectáculo Canta Connosco do Grupo teatral-musical Migallas.