quinta-feira, 31 de março de 2011

Actividades de animación á lectura no mes de Abril


No mes de abril celebramos varias datas importantes. O día 2 de abril é o día internacional da literatura infantil e xuvenil e o día 23 celébrase o día internacional do libro.

Ao redor destas efemérides desde a biblioteca queremos contribuír con actividades especiais. Neste caso os Contacontos serán narracións escollidas polas nosas animadoras que seleccionarán aquelas obras que máis lles gostaron nestes últimos tempos e que non entran en ningunha da temática que se realiza mensualmente na biblioteca. Así escollerán obras que se caracterizan por estar ilustradas (álbuns) e que ademais narran historias que chegan ao corazón dos máis pequenos e tamén dos adultos.

O Obradoiro xirará ao redor da escritura. Con técnicas divertidas e xogos, como é habitual nos nosos obradoiros, os rapaces e rapazas participantes aprenderán técnicas que lles permitan escribir as súas propias historias. Os resultados das actividades escritas poderán ser seguidos no blog dos obradoiros onde os participantes incluirán as súas narracións.

Contacontos:
Para maiores de 3 anos, ás 18h.
  • Mércores 6: Biblioteca do Milladoiro
  • Xoves 7: Biblioteca de Bertamiráns

Convértete en escritor!
Obradoiro para maiores de 8 anos, ás 18,30h.
  • Mércores 13: Biblioteca de Bertamiráns
  • Xoves 14: Biblioteca do Milladoiro
Inscrición: do 28 de marzo ao 8 de abril nas bibliotecas

segunda-feira, 21 de março de 2011

Estatísticas da Biblioteca ano 2010


Datos xerais a 31 de decembro de 2010.

É significativo o aumento da poboación do concello que continúa a incrementarse en grande número. Na actualidade contamos con 28.955 habitantes, aproximadamente 1.000 persoas máis que no ano anterior.

Fondos documentais: 24.963 (incremento con respecto ao 2009 de 1.789 novos documentos)
A media de documentos por habitante é de 0,86 doc./hab.

Usuarios: 5.107 (incremento de 666 persoas con respecto ao 2009)
Porcentaxe da poboación que é usuaria da biblioteca: 17,64%

Empréstamos: 20.824
Empréstamos por habitante: 0,72 prest./hab.
Empréstamos por asociados: 4,08 prest./socio

Visitantes: durante o ano 2010 utilizaron a biblioteca 38.207 persoas

Participantes nas actividades organizadas pola biblioteca: 2.895 persoas

Consultas ao catálogo da Biblioteca: entre as dúas bibliotecas o seu catálogo foi consultado 797.169 veces situándose, desta maneira, na terceira biblioteca municipal máis consultada da Rede de Bibliotecas de Galicia, e no mes de Decembro superou esta media converténdose na primeira das bibliotecas municipais máis consultada nese mes.