Mostrar mensagens com a etiqueta Libros infantís. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Libros infantís. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 28 de setembro de 2010

Actrividades de Animación á Lectura curso 2010/2011



Contacontos
:

Comeza o novo curso na Biblioteca e faino cargado de sorpresas. Os rapaces e rapazas de Ames que se achegaron á biblioteca estes días xa puideron observar a nova decoración que servirá de escenario para unha nova campaña de animación a lectura, que este ano recibe o nome de Conto, contas, contan... Cantos contos contas ti? Persoaxes tan coñecidos como Maisy, os tres porquiños ou Pinocho, entre outros moitos, serán os compañeiros de aventuras dos nenos e das nenas de Ame.

Este novo curso os contos non se centrarán nunha única temática, como en anos anteriores nos que se traballou temas como o mar ou o espazo, senón que cada mes se abordará un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. A isto se debe a nova decoración, que fai referencia á propia literatura infantil, desde a máis clásica como Carapuchiña á máis actual como Xerónimo Stilton.

Os contacontos, dirixidos como sempre a nenos e nenas de máis tres anos, comezarán a primeira semana do mes de outubro e realizaranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido.

Obradorios para maiores de oito anos:

Pero as novidades non rematan aí, xa que este ano aqueles nenos e nenas maiores de oito anos terán a oportunidade de asistir aos obradoiros organizados mensualmente. Os nenos de Bertamiráns poderán facelo o segundo mércores de cada mes ás 18,30h., mentras que os do Milladoiro terán a súa cita o segundo xoves tamén ás 18,30h., sempre previa inscrición.

Noticia na web municipal

sexta-feira, 26 de março de 2010

Abril: mes dos libros



Abril é o mes dos libros: o día 2 de abril celébrase o día do libro infantil para comemorar a data en que naceu Hans Christian Andersen (2 de abril de 1805) e o 23 de abril é a data declarada pola UNESCO Día Internacional do Libro xa que coincide coa datas da morte de Cervantes e do nacemento de Shakespeare.

Para celebrar esta efeméride na biblioteca preparamos o Espazo do Album Ilustrado co lema: Descobre os Albuns Ilustrados: idades recomendadas de 0 a 99 anos, que quere dar a coñecer, durante todo o mes, os fondos deste tipo de obras cos que contamos na biblioteca.


O Albun Ilustrado é unha obra literaria, polo xeral destinada ao público infantil, aínda que o hai para todas as idades, que se caracteriza por xuntar nunha mesma páxina o texto e as ilustracións. Estas teñen, nestes libros, unha igual ou superior importancia á do contido textual, de maneira que o sentido da obra despréndese da relación entre texto e imaxe e só se pode comprender grazas a esa relación tan coidada. Normalmente son de tapa dura e de curta extensión.


Isto é o que serve para definilo, pero como no resto das obras literarias, os seus temas, xéneros e formas son múltiples e diferentes. É por isto que queremos dar a coñecer este tipo de obras, que na biblioteca están misturados co resto dos fondos documentais e que nesta ocasión queremos traelos á vista e dalos a coñecer aos usuarios.


Entre as editoriais galegas que máis traballan este tipo de obras están Kalandraka e OQO que teñen obras xa moi coñecidas polo público e recoñecidas con premios nacionais e internacionais. Pero ademais presentaremos outras obras, incluídas algunhas xuvenís e para adultos.


Este ano a preparación do material do Día Internacional do Libro Infantil foi encargado polo IBBY (International Board on Books for Young People) á súa organización representante española a OEPLI. O texto deste ano foi escrito pola autora Eliacer Cansino co lema Un libro espera por ti; búscao!, traducido ao galego por Ánxela Gracián. A ilustración é obra de Noemi Villamuza.


O IBBY lémbranos que este ano vaise celebrar no noso país o 32º Congreso Internacional desta organización co lema A Forza das minorías, do 8 ao 12 de setembro en Santiago de Compostela.


A noticia na web municipal.

quinta-feira, 21 de fevereiro de 2008

Harry Potter na Biblioteca

Mentras en toda España sae á venda o último título da saga de Harry Potter da autora JK Rowling, a Biblioteca de Ames ten disponibles xa exemplares para o seu préstamo.

Hoxe, xoves 21 de febreiro, a biblioteca lanzará ao préstamo Harry Potter e as reliquias da morte, publicado en galego pola Editorial Galaxia, ás 18h., á mesma hora que está previsto o seu lanzamento en todas as librerías.

Xa podes pasar pola biblioteca e reservar o teu exemplar.