sexta-feira, 26 de março de 2010

Abril: mes dos libros



Abril é o mes dos libros: o día 2 de abril celébrase o día do libro infantil para comemorar a data en que naceu Hans Christian Andersen (2 de abril de 1805) e o 23 de abril é a data declarada pola UNESCO Día Internacional do Libro xa que coincide coa datas da morte de Cervantes e do nacemento de Shakespeare.

Para celebrar esta efeméride na biblioteca preparamos o Espazo do Album Ilustrado co lema: Descobre os Albuns Ilustrados: idades recomendadas de 0 a 99 anos, que quere dar a coñecer, durante todo o mes, os fondos deste tipo de obras cos que contamos na biblioteca.


O Albun Ilustrado é unha obra literaria, polo xeral destinada ao público infantil, aínda que o hai para todas as idades, que se caracteriza por xuntar nunha mesma páxina o texto e as ilustracións. Estas teñen, nestes libros, unha igual ou superior importancia á do contido textual, de maneira que o sentido da obra despréndese da relación entre texto e imaxe e só se pode comprender grazas a esa relación tan coidada. Normalmente son de tapa dura e de curta extensión.


Isto é o que serve para definilo, pero como no resto das obras literarias, os seus temas, xéneros e formas son múltiples e diferentes. É por isto que queremos dar a coñecer este tipo de obras, que na biblioteca están misturados co resto dos fondos documentais e que nesta ocasión queremos traelos á vista e dalos a coñecer aos usuarios.


Entre as editoriais galegas que máis traballan este tipo de obras están Kalandraka e OQO que teñen obras xa moi coñecidas polo público e recoñecidas con premios nacionais e internacionais. Pero ademais presentaremos outras obras, incluídas algunhas xuvenís e para adultos.


Este ano a preparación do material do Día Internacional do Libro Infantil foi encargado polo IBBY (International Board on Books for Young People) á súa organización representante española a OEPLI. O texto deste ano foi escrito pola autora Eliacer Cansino co lema Un libro espera por ti; búscao!, traducido ao galego por Ánxela Gracián. A ilustración é obra de Noemi Villamuza.


O IBBY lémbranos que este ano vaise celebrar no noso país o 32º Congreso Internacional desta organización co lema A Forza das minorías, do 8 ao 12 de setembro en Santiago de Compostela.


A noticia na web municipal.

sexta-feira, 5 de março de 2010

VII Certame Literario Concello de Ames 2010



Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación. Nas seis edición que se levan organizado presentáronse máis de 1.000 traballos.

Son tres as categorías existentes en cada modalidade do certame. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis 18 anos. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría, 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira. Os gañadores anunciarase publicamente o 11 de maio e os premios entregaranse o 17 de maio, nun acto público, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar antes do 17 de abril de 2010 catro exemplares do seu texto ao enderezo Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga nº 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. O tema é libre e só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.

Bases do certame.


A Noticia na web municipal

quarta-feira, 3 de março de 2010

Resumo da campaña Con Haití no corazón

Moitas grazas a todas e todos por participar!

Agradecemos a todas as persoas e entidades que colaboraron coa Biblioteca no desenvolvemento da campaña de recadación de fondos para Haití.

As entidades que colaboraron foron:
  • Intermón Oxfam
  • Adames
  • ANPA da Escola Infantil do Milladoiro
  • ANPA do CEIP de Ventín
  • Ademais contamos coa colaboración de usuarias da biblioteca e de compañeiras do Concello que colaboraron connosco na elaboración dos corazóns ademais de contribuir á venda dos mesmos.
A cantidade total recada foi de: 2.502,38€ dos que:
  • 1.737,70€ corresponden ao recadado nas dúas bibliotecas pola venda de corazóns e libros.
  • 511,78€ das doazóns aportadas polas nais e pais da Escola Infantil do Milladoiro
  • 252,90€ das doazóns aportadas polas nais e pais do CEIP de Ventín
Outras iniciativas:
Desde Ames desenvolvéronse outras iniciativas provenientes tanto da administración como da sociedade civil.A Biblioteca organizou ademais unha charla con José Luis Quintelá Juliá director da ONG Intermón Oxfam para Galicia, Asturias e León para falarnos da súa organización e do traballo que desenvolven en Haití.

Aínda estás a tempo de participar noutras iniciativas:
O Club de Atletismo MillaRaio organiza a I Carreira Solidaria de Axuda para Haití