quarta-feira, 16 de dezembro de 2009

Lepi presenta o agasallo de nadal da Biblioteca


Xa sabes que Lepi, a mascota da Biblioteca, ten desde hai varios anos a iniciativa de solicitarlle aos Reis Magos un agasallo para os nenos e as nenas do noso concello.

Este ano as bibliotecas desenvolven un programa de animación que se chama Un mar de Lecturas que trata o tema do mar. Se tiveches a oportunidade de pasar pola biblioteca nestes últimos meses verías que a decoración está formada por polbos, peixes, cabaliños de mar e outros seres mariños que acompañan as nosas actividades.

Coa finalidade de que continúes mergullándote na lectura, os Reis Magos deixaron fai uns días o agasallo no concello. Son agora os paxes reais os encargados de achegalo ás túas mans coa esperanza de facerche gozar de bos momentos de lectura.

Lepi confía ademais en que con este agasallo te animes a continuar lendo e gozando doutras historias e doutras lecturas e por iso quere que saibas que na biblioteca podes encontrar outros libros, películas, música e outros materiais cos que poderás navegar nun mundo de información, de coñecementos e de soños. Poderás gozar da lectura, conectarte á internet e participar nas actividades de animación que se realizan.

Lepi quere que compartas a biblioteca cos teus amigos e amigas, co teu pai, a túa nai e toda a túa familia. A biblioteca é un espazo aberto a toda a cidadanía na que se poden realizar actividades e utilizar os seus servizos simplemente contando co carné de asociado.

Un saúdo moi cariñoso
Carlos A. Fernández Castro
Alcalde de Ames


PD: os nenos e as nenas que non reciban o agasallo poderán pasar a recollelo nas bibliotecas a partir do día 23 de decembro.

Sem comentários:

Enviar um comentário