A Biblioteca quedou pequena para acoller aos participantes na presentación do libro Viaxes do Corazón de Xosé Manuel García Trigo.
A presentación foi organizada pola Libraría Máinomen de Bertamiráns e a Editorial Galaxia que escolleron a nosa Biblioteca para traer ao autor. Unhas 100 persoas acompañaron ao autor na presentación. O acto preparado nun primeiro momento para ser realizado na Biblioteca de Bertamiráns tivo que cambiar a última hora de local ante a afluencia de persoas que acudiron ao acto. Trasladouse a presentación ao salón de actos da Casa da Culturao nde a capacidade do lugar permitiu realizar a presentación con máis comodidade.
Victor Freixanes actuou como mestre de ceremonias presentando ao autor e a súa relación con el desde o mundo da edición no que se coñecen desde fai anos. Xa o primeiro libro de Xosé Manuel Trigo, Extintos básicos, fora publicado por Freixanes en Edicións Xerais. Libro que agora se encontra descatalogado e que a Editorial Galaxia ten previsto reeditar.
Xosé María Álvarez Cáccamo, coñecido autor e amigo persoal de Trigo, foi o segundo en falar introducindo moitos dos textos deste Viaxes do corazón, poñéndonos en antecedentes coas paisaxes persoais e familiares do autor e o seu reflexo na obra.
Por último o autor Xosé Manuel G. Trigo, nun exercicio de reflexión, fixo unha lembranza das súas obras, e comentou o proceso que o levou a escribir este diario ínfimo xa que o libro agora publicado é só unha pequena parte do diario que o autor mantén desde a súa infancia. Do conxunto dos seus diarios escritos o autor escolleu para a súa publicación só o ano 2007, por coincidir cun ano difícil a nivel persoal coa morte do seu pai e o empioramento da doenza da súa nai. É polo tanto un diario moi persoal que evoca paisaxes, lugares, persoas e vivencias da súa infancia no Morrazo, de onde é natural, que enlaza co momento actual e a súa vida en Bertamiráns e no Val da Amaía.
Xosé Manuel, que durante anos foi profesor no Instituto de Bertamiráns, ten fixada a súa residencia nesta localidade e na presentación non faltaron amigos, persoas da política e da cultura, e antigos alumnos e alumnas deste profesor que mesmo lles dedicou un soneto que o público agradeceu calorosamente. O acto rematou coa asinatura da obra do autor.
A noticia na web municipal:
Xosé Manuel García Trigo presentou o seu libro Viaxes do corazón en Bertamiráns
A noticia en El Correo Gallego:
Trigo presenta 'Viaxes do corazón', "un diario íntimo" de fino humor
Sem comentários:
Enviar um comentário