terça-feira, 10 de agosto de 2010

Visita da Escola de Verán á Biblioteca



Esta semana a biblioteca do Milladoiro recibirá a visita da Escola de Verán.


Os rapaces matriculados na escola convertiranse nos protagonistas da biblioteca por un par de días. Tres grupos diferentes pasarán pola biblioteca os días 11 e 12 de agosto.


Os primeiros serán os rapaces de entre tres e seis anos, que conforman un grupo de 40, e que virán o mércores 11; os seguintes serán 20 rapaces de entre seis e sete anos que acudirán o xoves 12.


Ambos os dous grupos terán a oportunidade de desfrutar dunha sesión de contacontos na se narrarán entre outros:

  • O peixe que gritaba tiburón
  • 1, 2, 3 ¡mar!
  • El pes

Desta maneira convertemos estas sesións nunha despedida da temática que nos acompañou todo este curso: o mar.


E, como non podería ser de outra maneira, ao acabar o contacontos terán a oportunidade de realizar un obradoiro e de mergullarse entre os libros que a biblioteca ten sempre á súa disposición.


O xoves 12 será tamén o turno dos nenos e nenas de entre oito e doce anos. A este grupo explicaráselle o funcionamento da biblioteca: as normas de préstamo, a ordenación do fondo, a elaboración das etiquetas, o que precisan para facerse socios…E despois desta explicación, que como sempre, presentarase dunha forma lúdica e amena, eles mesmos se convertirán en bibliotecarios durante un tempo. Rematarán a visita escoitando o conto Rosa Blanca de Roberto Innocenti, que é considerado un texto indespensable para abordar o tema da paz. Despois desta lectura os participantes divertiranse cun xogo no que a paz tamén é o tema fundamental.


Con estas visitas, a biblioteca pretende seguir traballando cara a consecución dun dos seus obxectivos fundamentais, o fomento do hábito lector entre os máis novos e tamén intenta dar a coñecer os seus servizos entre os veciños.


Como ven sendo habitual, nestes últimos anos, os participantes noutros servizos municipais, como a escola de Verán, asisten tamén a realizar actividades na biblioteca e a coñecer os servizos que esta oferta para toda a poboación, especialmente a infantil.


A noticia na web municipal

Sem comentários:

Enviar um comentário