Notícia:
A Biblioteca de Ames comeza unha campaña de solidariedade destinada a recadar fondos para paliar os efectos do terremoto sobre a poboación de Haití.
A campaña baixo o lema de Con Haití no corazón realizarase nas dúas bibliotecas de Ames, en Bertamiráns e no Milladoiro. Para a recadación poñeranse á venda, ao prezo da vontade, libros expurgados dos fondos e libros duplicados que se encontran no almacén da biblioteca. Algúns dos libros son usados pero unha boa parte son novos e en bo estado.
Ademais poñerase á venda un corazón de fieltro coa palabra Haití que será realizado pola Asociación Adames de persoas con discapacidade. Este corazón poñerase á venda ao prezo simbólico de 2€.
Todo o diñeiro recadado será ingresado na ONG Intermón Oxfam. A elección desta entidade foi motivada porque se preferiu contar cunha organización que se encontrase no país e que ademais contribuíse á mellora das condicións da poboación, nunha situación moi precaria nun país con millares de persoas danificadas. Intermón Oxfam traballa no reparto e tratamento de potabilización de auga, ademais doutros proxectos de axuda ao desenvolvemento que realizan desde fai anos no país.
A recadación realizarase semanalmente en cada biblioteca e anótarase o total recadado facéndose de maneira transparente: publicando semanalmente a cantidade recadada para que os usuarios coñezan o que se recada e o que se ingresa. Cada luns ingresarase a cantidade recadada na semana anterior na conta desta ong.
A duración da campaña non está determinada xa que dependerá de como vaia evolucionando a situación no país. Contaremos ademais coa presenza de representantes de Intermón Oxfam que nos presentarán a súa organización e falarán do seu traballo e da situación actual en Haití.
ONG e outras entidades que están traballando en/por Haití ou recadando fondos para mellorar a situación da poboación (da web de RTVE).
Sem comentários:
Enviar um comentário