quarta-feira, 9 de setembro de 2009

Avaliación das Bibliopiscinas 2009

A pesar do mal tempo do mes de Xullo as bibliopiscinas incrementaron o número de participantes con respecto ao ano anterior.

Entre os meses de xullo e agosto pasaron polas Bibliopiscinas de Ames 8.377 persoas. Perto de 600 persoas máis que en 2008 no que se chegou á cifra de de 7.784 participantes. Aínda que o tempo no mes de xullo non axudou moito a que as persoas se animasen a asistir ás piscinas e a área recreativa de Tapia, as bibliopiscinas conseguiron abrir un bo número de días que xunto ao bo tempo do mes de agosto permitiu recuperar a asistencia e a participación.

Por idades os nenos e as nenas foron os maioritarios no uso con 5.108 participantes mentres que os adultos chegaron a 3.269. Por xéneros as nenas superan aos nenos en 200 participantes: 2.672 nenas frente a 2.436 nenos. E nos adultos as mulleres sobrepasan aos homes en 400 participantes: 1.819 mulleres frente a 1.450 homes.

Por Bibliopiscinas a máis utilizada foi a de Tapia con 4.959 usuarios, seguida do Milladoiro con 2.171 e Bertamiráns con 1.247.

Actividades:
En canto ás actividades o número total de participantes foi de 655, 240 participantes menos que no ano 2008 no que se chegou aos 893 asistentes. A este número hai que sumar os participantes da festa de despedida o sábado 29 de agosto en Tapia á que asistiron unhas 150 persoas.

Esta diminución débese en grande medida a que coincidiu o día de peche das bibliopiscinas por mal tempo cos días das actividades. As bibliopiscinas de Tapia e do Milladoiro só realizaron 6 actividades nos dous meses de verán, mentras que a de Bertamiráns conseguiu realizar 9 actividades.

Festa:
Na festa, realizada o sábado 29 de agosto, contouse coa asistencia dunhas 150 persoas que participaron dos xogos e obradoiros realizados pola empresa Xandobela, encargada de xestionar as Bibliopiscinas, ou que asistiron ás actuación de Burromaquia: contos populares da Tía Lola, da comarca do Deza, co burro como protagonista, interpretados pola compañía Fantoches Baj. O espectáculo teatral-musical dos Tres Tenedores cos instrumentos musicais como tema. E acompañados na presentación da festa polo Xigante Zampón e a Dragona Ramona.


Noticia na web municipal
Noticia en La Voz de Galicia

Sem comentários:

Enviar um comentário