sexta-feira, 26 de março de 2010

Abril: mes dos libros



Abril é o mes dos libros: o día 2 de abril celébrase o día do libro infantil para comemorar a data en que naceu Hans Christian Andersen (2 de abril de 1805) e o 23 de abril é a data declarada pola UNESCO Día Internacional do Libro xa que coincide coa datas da morte de Cervantes e do nacemento de Shakespeare.

Para celebrar esta efeméride na biblioteca preparamos o Espazo do Album Ilustrado co lema: Descobre os Albuns Ilustrados: idades recomendadas de 0 a 99 anos, que quere dar a coñecer, durante todo o mes, os fondos deste tipo de obras cos que contamos na biblioteca.


O Albun Ilustrado é unha obra literaria, polo xeral destinada ao público infantil, aínda que o hai para todas as idades, que se caracteriza por xuntar nunha mesma páxina o texto e as ilustracións. Estas teñen, nestes libros, unha igual ou superior importancia á do contido textual, de maneira que o sentido da obra despréndese da relación entre texto e imaxe e só se pode comprender grazas a esa relación tan coidada. Normalmente son de tapa dura e de curta extensión.


Isto é o que serve para definilo, pero como no resto das obras literarias, os seus temas, xéneros e formas son múltiples e diferentes. É por isto que queremos dar a coñecer este tipo de obras, que na biblioteca están misturados co resto dos fondos documentais e que nesta ocasión queremos traelos á vista e dalos a coñecer aos usuarios.


Entre as editoriais galegas que máis traballan este tipo de obras están Kalandraka e OQO que teñen obras xa moi coñecidas polo público e recoñecidas con premios nacionais e internacionais. Pero ademais presentaremos outras obras, incluídas algunhas xuvenís e para adultos.


Este ano a preparación do material do Día Internacional do Libro Infantil foi encargado polo IBBY (International Board on Books for Young People) á súa organización representante española a OEPLI. O texto deste ano foi escrito pola autora Eliacer Cansino co lema Un libro espera por ti; búscao!, traducido ao galego por Ánxela Gracián. A ilustración é obra de Noemi Villamuza.


O IBBY lémbranos que este ano vaise celebrar no noso país o 32º Congreso Internacional desta organización co lema A Forza das minorías, do 8 ao 12 de setembro en Santiago de Compostela.


A noticia na web municipal.

Sem comentários:

Enviar um comentário