segunda-feira, 29 de novembro de 2010

Actividades de animación á lectura no mes de Decembro

Decembro: NadaLer

Contacontos para nenos e nenas maiores de 3 anos, ás 18h.
  • Mércores 1: Biblioteca do Milladoiro
  • Xoves 2: Biblioteca de Bertamiráns
  • Luns 13: local social de Aguapesada
  • Martes 14: local social de Bugallido
  • Mércores 15: Biblioteca de Bertamiráns
  • Xoves 16: Biblioteca do Milladoiro

quarta-feira, 17 de novembro de 2010

A Biblioteca de Ames chega aos 5.000 asociados


O día 10 de novembro de 2010 a Biblioteca Municipal acadou a cifra de 5.000 persoas asociadas. Esta cantidade correspóndese co 17% da poboación municipal dese mesmo día (28.955 habitantes no padrón municipal).

Sen embargo, aínda que esta cantidade se corresponde cunha porcentaxe sobre a poboación total do concello, non debemos que esquecer que moitas das persoas atendidas non pertencen ao concello de Ames senón que son dalgúns dos concellos limítrofes e mesmo doutros de Galicia e de España.

Desta maneira corresponden a persoas domiciliadas no Concello de Ames un total de 4.640 persoas, o 93% do total de socios (16% da poboación). É dicir, hai un 7% de socios da biblioteca (360 usuarios) que non están empadroados en Ames pero que utilizan o noso servizo de bibliotecas.

A outros concellos corresponden as seguintes cifras:
Brión: 127 persoas asociadas que representan o 2,5% do total de socios.
Teo: 103 persoas asociadas que representan o 2,1% do total de socios.
Santiago: 68 persoas asociadas que representan o 1,4% do total de socios.

Outras persoas domiciliadas noutros concellos da comarca (A Baña, Negreira, Padrón e Rois): 22 persoas .

Outras persoas con domicilio noutros concellos de Galicia: 34 socios; e outras persoas con domicilio noutros concellos de España: 6 socios. Estes dous últimos datos corresponden sobre todo a persoas que acostuman a utilizar a biblioteca durante os meses de verán.

Ademais do total de asociados 7 corresponden a socios institucionais e o resto a socios persoais.

No que vai de ano 2010 déronse de alta 583 novos socios.

Idades:
1.531 son nenos e nenas até 14 anos (incluídos) (30,6% sobre o total de socios).
3.462 son xoves e adultos maiores de 14 anos (59,4% sobre o total de socios).

Como dato curioso podemos citar que o usuario máis novo é unha nena de 1 mes de vida, mentres que o máis vello é un home de 79 anos nacido en 1921.

Xéneros:
Dos 5.000 socios, o 58,7% (2.932) son mulleres e o 41,3% (2.061) homes.
(7 nos se contabilizan por se trataren de institucións).
Este dato é importante telo en conta xa que como se verá no apartado seguinte a diferenza por xéneros móstrase a partir dos 14 anos xa que os menores desa idade están moi igualados por xénero:
- Dos nenos e nenas até 14 anos o 49,5% (758) son nenas e o 50,5% (773) nenos.
- Dos adultos maiores de 14 anos: o 62,6% (2.168) son mulleres e o 37,4% (1.294) son homes.

Orixe:
Nas persoas adultas (3.462 usuarios) existe unha porcentaxe importante de persoas con NIE non español, é dicir doutros países europeos e extra-comunitarios que se corresponde co 7,7% do total. Non podemos especificar esta cifra para menores de 16 anos xa que a estes non se lle esixe presentar copia do documento de identidade para se asociar.

Da mesma maneira descoñecemos con exactitude os estados de orixe destas persoas xa que na ficha de inscrición non se solicita. Pero podemos citar por continentes algúns dos países con cidadáns inscritos na nosa biblioteca:
De Europa: Portugal, Gran Bretaña, Italia, Bélxica, Países Baixos, Romenia, ou Rusia ... por citar algunha das orixes.
De Asia temos representación tanto de China como de Taiwán.
De África temos usuarios de países do Magreb como Marrocos e de países ao Sul do Sáhara como Angola
De Latinoamérica existe representación de practicamente todos os estados: México, Venezuela, Colombia, Uruguay, Arxentina, Brasil...

Renovación dos carnés:
Por último temos que sinalar que a información ofrecida responde a datos actualizados e corresponde a usuarios que se asociaron ou renovaron o seu carné nos últimos 3 anos xa que a nosa política bibliotecaria indica que o carné ten ese período de validez. Desta maneira os datos foron actualizados no ano 2008 ou con posterioridade a este ano.

A noticia na web municipal. 
A noticia en El Correo Gallego.

quarta-feira, 10 de novembro de 2010

Os usuarios e o OPAC social: video

A comezos do verán a nosa biblioteca foi o escenario da grabación dun video para presentar no V Congreso de Bibliotecas Públicas celebrado en Xixón entre os días 3 e 5 de Novembro. 

Este video presentouse baixo o nome: Los usuarios y el OPAC social, e mostra a interacción entre os usuarios e o catálogo bibliotecario dentro do denominado web social ou web 2.0, coas posibilidades de interacción dos usuarios co catálogo da biblioteca: listas de libros lidos ou por ler, lista de favoritos, opinión sobre os libros, ver os favoritos doutros usuairios,  poder suscribirse a autores ou temas favoritos... Ademais este novo catálogo presenta a posibilidade de incrementarse con outros recursos externos ofrecendo maior información para os usuarios integrando recursos propios, fondo local, videos, etc. que se sumarían ao contido do catálogo.

A nosa biblioteca aínda non dispón deste novo programa de xestión denominado Koha e que xa foi implantado en varias bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia. A nosa incorporación a este  novo programa de xestión bibliotecario xa foi solicitado e estamos á espera de que a Consellería de Cultura some máis bibliotecas a este proxecto. Sen embargo, a pesar de que a nosa biblioteca aínda non dispón deste software, foi solicitada a participación dos nosos usuarios na grabación deste video no que se presentan as novas funcionalidades do catálogo e os usos que os usuarios fan del.

Convidámosvos a ver o video e agradecemos a participación dos usuarios que colaboraron na súa grabación:



Podes seguir os videos relacionados coa biblioteca no noso canal de Youtube.